por Joan Peiró, 1930
Para que os perigos que conleva en si o Sindicalismo poidan ser evitados, é necesariamente preciso que os anarquistas traten en todo momento de proxectar a súa espiritualidade ideolóxica sobre o movemento sindicalista. Xa dixemos que o Sindicalismo é unha formidable arma de loita, a materialmente de maior contundencia para enfrentarse cos inimigos do proletariado; pero repetimos que o Sindicalismo non é un fin social nin o busca concretamente, se non é ao calor reflectido por entidades ideolóxicas axenas ao mesmo.
Véxase o que ocorre en Francia, por exemplo. O partido socialista exerce a súa influencia sobre a CXT, exércena tamén os comunistas sobre la CXTU, e igualmente a CXTSR recibe a influencia dos anarquistas. É interesante observar que a proxección desas influencias das diferentes escolas ideolóxicas sobre as centrais sindicais, en ningún caso supón confusión de entidades e moito menos un feito de absorción. Cada entidade conserva a súa personalidade, mellor ou peor definida, en relación aos seus intereses específicos, e é natural e moi razoable que así sexa en tanto os compoñentes da CXT non son, nin de lonxe, socialistas todos, como tampouco son todos comunistas e anarquistas os compoñentes da CXTU e a CXTSR, respectivamente.
É incuestionable que entre esas entidades ideolóxicas e as centrais sindicais hai un vínculo de estreita relación e de mutuo recoñecemento que as identifica relativamente, pero nunca existe a intrusión dunha entidade noutra, cuxo caso non pode darse sen menoscabo da personalidade e soberanía da entidade, intervida materialmente por outra. E é que en Francia, e en case tódolos países do mundo, en canto ás relacións do partido ou agrupación ideolóxica coa colectividade sindical, distínguese a “intervención material” da “influencia espiritual”.
Hoxe en España, constitúe un problema a non distinción destes dous termos, os cales, con todo e sendo tan distintos, van e consiguen chegar a un mesmo fin, ainda que a desvantaxe está en aqueles que persiguen realizar as directrices da CNT coa intervención material de colectividades alleas á mesma.
E non só está a desvantaxe en facer máis longo o camiño. Como dixeron Malatesta, Rocker, Fabbri e outros camaradas non menos ilustrados, opinións compartidas polos dous últimos Congresos da AlT, a confusión do Anarquismo co Sindicalismo pon ao primeiro en perigo de ser desnaturado polas lóxicas fluctuacións ás que é sometido o segundo polos determinismos económicos e políticos da sociedade capitalista, aparte de que, como se viu practicamente, para conseguir un movemento obreiro, con finalidade anarquista non é preciso chegar a esa confusión.
Admitamos que a declaración de principios do Congreso do Teatro da Comedia é insuficiente para definir as actividades da CNT como un movemento obreiro con finalidade anarquista, e admitamos, ademais, que en 1923 as actividades confederais representaban un movemento obreiro especificamente anarquista, sen transición algunha entre o Sindicalismo e o Anarquismo. Este, entón, teríase visto no trance de optar entre adaptarse ao novo estado de cousas, feito absolutamente inadmisible, ou desaparecer. Tratándose dun movemento obreiro, a desaparición só se concibe dunha forma: colectivamente, e a desaparición, neste caso, non solamente tería sido do movemento, senón tamén do Anarquismo vinculado colectivamente a aquel.
Non había en 1923 tal movemento obreiro especificamente anarquista, e no trance de desaparecer algo, ainda que relativamente, foi o Sindicalismo o que desapareceu. O Anarquismo, como escola e como colectividade, queda en pé, inconmovible, porque el non é movemento de masas, senón corrente espiritual e ideolóxica, un valor moral orientador e de pulo.
* * *
Falemos das agrupacións específicas, dos chamados grupos anarquistas, cuxa misión, ao noso xuízo, é tan trascendental en si mesma como necesaria ao Sindicalismo.
As agrupacións específicas non son seleccións profesionais, é dicir, grupos de individuos dunha mesma profesión, senón núcleos de individuos unidos polo nexo da afinidade en aspectos diversos e do afán de cultura e de formación espiritual para a propaganda e a acción político-social. Cada agrupación específica debe ser a forxa na que se forxen os orientadores das masas proletarias e os adalides da transformación fundamental da sociedade.
Orientar ás masas non o fai quen quere, senón quen pode, e adalid dunha causa ou unha acción non o é calquera que teña arrolos de macho, senón quen, ademais dese arrolo administrado conscientemente, ten cultura, intelixencia e sabe usar de boas razóns para convencer e levantar os entusiasmos pola acción ou a causa propugnada.
A agrupación específica é o lugar de estudo. Os problemas éticos, económicos, políticos e sociais máis destacados deben pasar por ela e ser postos sobre a mesa de disección, para o seu análise, trabar profundo coñecemento co analizado e dese coñecemento formarse un xuízo o máis real e exacto posible, co fin de que o resultado do estudo sexa beneficioso á causa da emancipación humana.
Se as agrupacións específicas son núcleos de individuos de profesións heteroxéneas, nelas deben debatirse todos os problemas xerais e chegar, mediante o acordo adoptado libremente, a conclusións concretas e a proposicións de orientación orgánica, económico-industrial, sobre cultura e mil temas máis que sería prolixo enumerar.
Demos exemplos precisos. Supoñamos que a chamada racionalización do traballo é o tema posto a debate nun grupo anarquista, e supoñamos que este ten o suficiente sentido de ponderación para estudar o tema nos seus principios científicos e no seu alcance e consecuencias económico-industriais e de clase; e tendo en conta todo iso, a conclusión non pode ser menos que unha posición con vistas a contrarrestar os efectos da racionalización do traballo, tan perniciosos aos intereses económicos, morais e colectivos do proletariado. Esa posición opositora terá de descansar sobre razóns e verdades demostrables, e son esas verdades e razóns o que hai que levar ao seo das organizacións sindicais. Ilustrados os individuos componentes da agrupación específica, cada un deles debe erguerse en preconizador e adalid dessas razóns e verdades no seu respectivo sindicato, sempre co propósito de orientar a este e conduzilo por sendas conformadas ás necesidades de clase e á finalidade ideolóxica do Anarquismo.
Máis claro aínda. A agrupación anarquista é o centro de estudo e o laboratorio onde se elabora o cerebro da nova Humanidade, cuxa lucidez ha de irradiar e proxectar sobre a alma e o cerebro do pobo e, polo tanto, nas organizacións sindicais, pola acción propagandista dos individuos componentes da agrupación. Queremos dicir que o individuo toma a luz da agrupación para levá-la ao sindicato ou a outros medios colectivos ou de reunión, sen que esa función intermedia do individuo teña que significar que a agrupación é unha prolongación do sindicato ou viceversa, xa que o sindicato e a agrupación específica son dúas cousas distintas e independentes e, por ende, inconfundibles.
O individuo anarquista fala con criterio anarquista no sindicato, na tertulia e onde queira que estea, e é evidente que se ese individuo é culto, intelixente e razoable, o seu criterio tomará proporcións preponderantes e a tertulia e a organización sindical serán atraídas polo criterio anarquista, o seu apostolado espiritual será de captación, con maior eficacia que se o seu apostolado é de coacción e de imperio en nome dun ideal, ainda que este sexa de máxima liberdade.
O que necesita o individuo, é que non lle falte a agrupación específica onde atopar a fonte de orientación, de inspiración e de impulso para a propaganda.