Que é a SELG?

O Seminario de Estudos Libertarios Galegos (SELG) é unha iniciativa do colectivo Refuxios da Memoria, que nace coa intención de xerar na Galiza un espazo de reflexión, debate e aprendizaxe colectiva arredor das ideas, historia e estratexias do Socialismo Libertario.

Para que un Seminario?

As ideas socialistas libertarias tiveron na Galiza un fértil campo de expansión dende que no último terzo do século XIX chegaran ao país algúns delegados da vertente bakuninista da I Internacional. A corrente antiautoritaria do socialismo internacionalista prendeu ben nun pobo que á altura atopábase nun proceso de proletarización, e nun país onde os principios da autoxestión, o apoio mutuo e o colectivismo tiñan unha fonda raizame.

Dende entón, e por sete décadas, o anarquismo organizado disputouse co marxismo a hexemonía dun movemento obreiro galego en continua expansión. Un tirapuxa que só se decantou do lado do socialismo autoritario a partir dos anos 50 do século XX. A puxanza das anarquistas galegas tivo causa e efecto no desenvolvemento dunha vizosa rede de organizacións e institucións autónomas nos eidos sindical e social, económico e cultural, que xerou unha verdadeira esfera pública libertaria, e socializou a enormes capas da poboación nos principios e nas prácticas anarquistas. Un proceso de acumulación de poder popular que tan só puido ser revertido por medio do xenocidio emprendido polo exército español en xuño de 1936.

Pese á ruptura do fío desta tradición, hoxe en día son moitas as persoas, e algunhas as organizacións, que no país identifícanse coa tradición e os principios do socialismo libertario. Porén, faltan os espazos de encontro e reflexión colectiva acerca desta tradición, dos seus principios e estratexias, das súas ferramentas de loita e da súa vixencia e aplicabilidade ao momento presente. Co SELG queremos convidar ás anarquistas do país, e ás galegas que teñan curiosidade polas ideas libertarias, a atoparnos e debater sobre esta tradición, coa vista posta no presente e o futuro do país.

Como se vai desenvolver?

Cada ano elixiremos un tema de reflexión que despregaremos ao longo de todo o curso, celebrando sesións bimestrais do SELG. Cada unha destas sesión estará enfocada a un eixo de debate diferente, sobre o que traballaremos ao longo dunha xornada na que nos acompañarán militantes, investigadoras e representantes de organizacións libertarias galegas e ibéricas que nos achegarán as súas ideas e experiencias sobre a cuestión.

Os contidos de todas estas palestras e mesas redondas serán recollidos en relatorios, que compartiremos en aberto a través na nosa páxina web. Estes relatorios, xunto con algunhas lecturas propostas polas poñentes das palestras e polo grupo de coordinación da SELG, servirán como base para desenvolver debates locais, a través dos Grupos de Autoformación Libertaria (GAL) que xurdan ao longo do país.