Grupos de Autoformación Libertaria

En paralelo ao inicio do SELG poremos en marcha o Grupo de Autoformación Libertaria da Coruña (GALAC). Este celebrará sesións dous xoves ao mes, coa intención de desenvolver unha reflexión propia e aterrada no eido local e nacional, e sacar conclusións deste debate de ideas. O Grupo estará aberto a tódalas persoas que teñan interese na historia, o presente e o futuro do movemento libertario galego.

Os contidos das diferentes palestras poderán consultarse na nosa web, www.selg.gal, de modo que en calquera vila do país onde haxa un grupo de persoas que compartan o interese polas ideas libertarias, se poida crear un Grupo de Autoformación local. Hai grupos de autoformación en Coruña, Compostela, Terra de Montes e Ourense.

Calquera persoa interesada pode escribir ao enderezo flac@refuxiosdamemoria.org 

Os Grupos de Autoformación Libertaria (GAL) teñen o obxectivo de xerar un marco de debate e formación colectiva na Galiza arredor das ideas libertarias, partindo dos contidos elaborados nas xornadas do Seminario de Estudos Libertarios Galegos (SELG). Estes grupos terán unha dimensión local, ou comarcal, de modo que se poidan desenvolver en diferentes lugares do país á vez.

Para facilitar o xurdimento destes grupos locais, o equipo de coordinación do SELG vai poñer ao dispor de calqueira persoa interesada os relatorios de tóda-las sesións do Seminario, así como unha bibliografía suxerida. Tódo-los contidos estarán accesibles na nosa páxina web: www.selg.gal

Convidamos a cada GAL a que, previamente ao inicio dos debates, invirta algún tempo e enerxías na preparación dunha metodoloxía de traballo. Para elaborar unha reflexión colectiva, na que se escoiten todas as voces, e que non derive en debates estériles, pensamos é importante que o grupo pense cales son os temas específicos sobre os que quere traballar, e se dote das ferramentas e a estrutura que lles permita facilitar o debate e acadar algunhas conclusións. 

A continuación desenvolvemos unha metodoloxía, máis ou menos exhaustiva, que imos aplicar no GAL da Coruña. Naturalmente, cada grupo local é libre de aplicala ou non, e de adaptala, simplificala ou complexizala segundo as súas necesidades e obxectivos.

A primeira cousa que hai que ter en conta é que os grupos de debate, para ser funcionais, non deberían exceder os 10 participantes. Polo tanto, en caso de formarse un grupo inicial que sobrepase esta cifra, propoñemos o desenvolvemento do debate en dous ou varios grupos que finalicen a dinámica cunha posta en común.

Para cada sesión e grupo de debate sería desexable contar polo menos con dous perfís: unha persoa que se encargue da súa dinamización, e outra que se encargue de deixar rexistro escrito do debate.

As funcións da dinamizadora de cada sesión serían as seguintes:

  • Resumo do texto a debate: Xa que non todas as persoas asistentes teñen o tempo para adicar á lectura do texto proposto, pero queremos que calqueira veciña poida participar no GAL, cada sesión debería comezar cun resumo do texto a traballar nesa sesión.
  • Despois do resumo cabería debuxar algunhas liñas xerais para o debate. A persoa dinamizadora pode propor algunhas destas liñas, e o grupo aceptar ou modificar esa proposta inicial. Despois do cal debería decidir colectivamente o tempo tasado para cada unha das liñas de discusión.
  • Moderar o debate xestionando os turnos de palabras e o equilibrio na participación das asistentes. Así mesmo tratar de centrar os temas de debate evitando que a discusión derive cara outros temas ou encalle en asuntos secundarios.
  • Ademáis de estar atentos ao equilibrio dos tempos de intervención das participantes, é importante prestar atención aos tempos que nos temos marcado para cada unha das liñas de debate, de modo que este non se eternice. Cando o horario previsto chegue ao seu fin, a dinamizadora debe consultar ao grupo a necesidade de adicarlle unha nova sesión, ou se ben pode darse virtualmente por pechada a primeira aproximación a este tema de debate. En caso de que o grupo considere que algún dos temas tratados non se puido abordar coa profundidade que este require, poderíase crear unha comisión (ou subgrupo de debate) ou incluso unha persoa encargada de traballar ese tema, e traelo de volta ao GAL, nun futuro, por medio dun dosier que recopile información sobre ese particular, ou ben por medio dunha palestra ou incluso un futuro debate. 

As funcións da relatora:

  • Recoller acta do debate.
  • Elaborar un resumo dos puntos de acordo e desacordo ao longo do debate.
  • Elaborar un documento que recolla os resultados do debate e propoña unhas conclusións, así como puntos non pechados para abordar en futuros debates.

A estrutura de cada sesión podería ser, polo tanto, a seguinte:

  1. Introdución e explicación da dinámica (Dinamizadora)
  2. Presentación das participantes (Todas)
  3. Aprobación do documento de resumo da anterior sesión de debate (Todas. Presenta a Relatora)
  4. Resumo do texto a debater e proposta das liñas de debate (Dinamizadora)
  5. Debate (Todas)
  6. Fin da sesión de debate (Dinamizadora)
  7. Resumo dos acordos e desacordos (Relatora)
  8. Elección da relatora e dinamizadora da vindeira sesión (Todas)