Carta de Amiens

XV Congreso Nacional da Confédération Générale du Travail

Entre os días 8 e 16 de outubro de 1906 celebrouse na cidade francesa de Amiens o xv Congreso Nacional da Confédération Générale du Travail. A CXT francesa era unha organización sindical fundada en Limoges en septembro de 1895, na que exercían unha destacada influencia os anarquistas, entre os que destacaba Fernand Pelloutier, principal impulsor da Fédération des Bourses du travail de France et des colonies en 1892. Folga dicir que a CXT francesa de principios do século xx, pola súa independencia política e intransixencia, era símbolo do que debía ser un sindicato revolucionario. 

Esta orientación púxose de manifesto en 1906, cando o citado Congreso aprobou unha resolución, coñecida popularmente como Charte d’Amiens, que sentaba os principios do sindicalismo revolucionario. Afirmou a independencia de acción dos sindicatos respecto dos partidos políticos (apartidismo). Mais separou a economía da política, sendo declarada a primeira o ámbito de interese (e polo tanto de acción) para a liberación dos traballadores e a segunda como contraria aos seus intereses.

Animadas por estes mesmos principios, en decembro de 1922, organizacións sindicais europeas e americanas reconstruíron en Berlín a Asociación Internacional de Traballadores (AIT), continuadora da Primeira Internacional bakuninista.

Resultados da votación:

A favor: 830. En contra: 8. En branco: 1.

* * *

Carta de Amiens
(texto)

O Congreso confederal de Amiens confirma o Artigo 2 dos estatutos constitutivos da CXT:

“A CXT agrupa, fóra de toda escola política, a tódolos traballadores conscientes da loita que debe levarse a cabo para que desaparezan o salario e a patronal”.

O Congreso considera que esta declaración é un recoñecemento da loita de clases que opoñen, sobre o terreo económico, os traballadores revolucionarios a tódalas formas de explotación e de opresión, tanto material como moral, postas en práctica pola clase capitalista contra a clase obreira.

O Congreso precisa, polos puntos seguintes, esta afirmación teórica: na obra reivindicativa cotiá, o sindicalismo persigue a coordinación dos esforzos obreiros, o aumento do benestar dos traballadores pola realización das melloras inmediatas como a disminución das horas de traballo, o aumento dos salarios, etcétera.

Pero esta tarefa non é máis que un aspecto da obra do sindicalismo: prepara a emancipación integral, que só pode realizarse pola expropiación do capitalismo; preconiza como medio de acción a folga xeral e considera que o sindicato, hoxe un grupo de resistencia, será no porvir o núcleo da produción e da distribución; base da reorganización social.

O Congreso declara que esta dobre tarefa, cotiá e de porvir, despréndese da situación de asalariados que pesa sobre a clase obreira e que fai para tódolos traballadores, calesquera que sexan as súas tendencias políticas ou filosóficas, un deber  pertencer ao agrupamento esencial que é o sindicato.

Como consecuencia, en aquilo que concerne aos individuos, o Congreso afirma a enteira liberdade para o asociado de participar, fóra do grupo corporativo, en calquera das formas de loita que correspondan á súa concepción filosófica ou política, limitándose a esixirlle, en reciprocidade, non introducir no sindicato as opinións que profesa fóra do mesmo.

No que respecta ás organizacións, o Congreso decide que co obxecto de que o sindicalismo acade a súa máxima efectividade, a acción económica debe exercerse directamente contra a patronal, non tendo as organizacións confederadas, como asociacións económicas, que preocuparse dos partidos e dos cultos que, afóra e á marxe, poidan perseguir, en absoluta liberdade, a transformación social.