Por Piotr Kropotkin,1910
ANARQUISMO (do grego ἀν-, eἄρχή, contrario á autoridade), é o nome que se lle da a un principio ou teoría da vida e da conduta que concibe unha sociedade sen goberno, na que se obtén a harmonía, non por sometimento á ley, nin obediencia á autoridade, senón por acordos libres estabelecidos entre os diversos grupos, territoriais e profesionais, libremente constituídos en prol da produción e o consumo, e para a satisfacción da infinda variedade de necesidades e aspiracións dun ser civilizado. Nunha sociedade desenvolvida sobre destas directrices, as asociacións voluntarias que comezaron xa a abarcar tódolos eidos da actividade humana adquirirían unha extensión aínda maior ata o punto de substituír ao Estado en tódalas súas funcións. Representarían unha rede entretecida, composta dunha infinda variedade de grupos e federacións de tódolos tamaños e graos, locais, rexionais, nacionais e internacionais, temporais ou máis ou menos permanentes, para todos os obxetivos posibles: producción, consumo e intercambio, comunicacións, servizos sanitarios, educación, protección mutua, defensa do territorio, etcétera; e, por outra banda, para a satisfacción dun número crecente de necesidades científicas, artísticas, literarias e de relación social. É maís, tal sociedade non se pretendería inmutable. Pola contra, coma ocorre no conxunto da vida orgánica, a harmonía resultaría (e sosteríase) por un axuste e reaxustes sempre cambiantes do equilibrio dunha multitude de forzas e influenzas, e este axuste obteríase fácilmente xa que ningunha das forzas gozaría dunha protección especial por parte do Estado.
Sostense que se a sociedade estivera organizada segundo estes principios, o ser humano non estaría limitado no libre exercicio das súas capacidades de traballo productivo por un monopolio sostido polo Estado; nin estaría limitado no exercicio da súa vontade por medo ao castigo ou pola obediencia a individuos ou entidades metafísicas, que conducen á diminución da iniciativa e ao servilismo intelectual. Estaría guiado nas súas accións pola propia razón, que necesariamente levaría a pegada dunha acción e reacción libres entre o seu propio eu e as concepcións éticas da contorna. Desta maneira, o ser humano podería obter o pleno desenrrolo de todas as súas facultades intelectuais, artísticas e morais sen se ver asoballado polo exceso de traballo dos monopolistas, nin polo servilismo e a inercia intelectual da grande maioría. Desta maneira podería acadar a individualización plena, o que non é posible nin baixo o actual sistema de individualismo nin baixo ningún tipo de socialismo de Estado no chamado Volkstaat (Estado popular).
A literatura anarquista considera, ademais, que a súa concepción non é utópica, construida a priori, despois de tomar por postulados algúns desexos. Derívase, afirma, dunha análise das tendencias xa vixentes, aínda que o socialismo de Estado poida atopar un apoio temporal entre os reformistas. O progreso das técnicas modernas, que simplifican maravillosamente a produción de todo o necesario para a vida; o crecente espírito de independencia e a rápida difusión da libre iniciativa e a libre comprensión en todas as ramas de actividade –incluídas aquelas antes consideradas atribucións propias da Igrexa e do Estado– están a reforzar constantemente a tendencia a non ter goberno.
No canto as súas concepcións económicas, o anarquismo, ao igual que todos os socialismos, dos cales constitúe a á esquerda, sostén que o sistema hexemónico actual de propiedade privada da terra e a produción capitalista en prol das ganancias, representan un monopolio que atenta tanto contra os principios da xustiza como contra os ditados da utilidade. Estes son os principais obstáculos que impide que os éxitos da técnica moderna sexan postos ao servizo da humanidade, co fin de producir un benestar xeral. O anarquismo considera o sistema salarial e a produción capitalista en conxunto coma un impedimento ao progreso. Pero sinalan tamén que o Estado foi, e segue a ser, o instrumento ensencial para permirir que uns poucos monopolicen a terra e que os capitalistas se apropien dunha parte desproporcionada do excendente da produción acumulado anualmente. En consecuencia, namentres combaten a actual monopolización da terra e ao capitalismo, o anarquismo combate coa mesma enerxía ao Estado na súa totalidade, como principal soporte dese sistema. Non nunha ou nestoutra forma especial de Estado, senón ao Estado mesmo, sexa monarquía ou incluso República gobernada por medio de referendum.
A organización estatal, que sempre foi, tanto na historia antiga como na moderna (Imperio macedonio, Imperio romano, Estados europeos construídos sobre as ruínas das cidades autónomas), o instrumento para estabelecer monopolios en favor das minorías gobernantes, polo que non pode ser posta ao servizo da destrución destes mesmos monopolios. O anarquismo considera, polo tanto, que entregar ao Estado todas as fontes principais da vida económica –a terra, as minas, os ferrocarrís, a banca, os seguros, etc.–, así como a xestión de todas as principais ramas da industria, ademais de todas as funcións xa acumuladas nas súas mans (educación, relixións apoiadas polo Estado, defensa do territorio, etc.), significaría criar un novo instrumento de tiranía. O capitalismo de Estado tan só aumentaría o poder da burocracia e do capitalismo. O verdadeiro progreso reside na descentralización, tanto territorial como funcional, no desenrrolo do espírito e iniciativa local e persoal, e de libre federación do simple ao complexo, no lugar da actual xerarquía do centro á periferia.
Ao igual que a maioría dos socialismos, o anarquismo recoñece que, coma toda evolución natural, á lenta evolución da sociedade lle seguen periodos de evolución acelerada que se chaman revolucións. e pensa que a era das revolucións aínda non está pechada. Aos periodos de cambios rápidos lle seguen outros de lenta evolución, e estes periodos débense aproveitar, non para aumentar os poderes do Estado, senón para reducilos, mediante a organización en cada municipio ou comuna de grupos locais de produtores e consumidores, así como as federacións rexionais e, á larga, internacionais destes grupos.
En virtude dos devanditos principios, o anarquismo négase a formar parte da actual organización estatal e a apoiala infundíndolle sangue nova. Non pretende constituir partidos políticos nos parlamentos, e convidan aos traballadores a non facelo. En consecuencia, dende a fundación da Asociación Internacional de Traballadores en 1864-1866, o anarquismo esfórzase por se promover directamente entre as organizacións obreiras e inducir aos seus sindicatos a unha loita directa contra o capital, sen confiar na lexislación parlamentaria.