Anarquismo de barrio. Unha tese superadora

por Ruymán Rodríguez

Xa comentei nalgunha ocasión que para min a polaridade entre anarquismo social e insurreccionalismo é artificial. Concluín que só hai anarquismo contemplativo (exclusivamente teórico) e combativo (principalmente práctico). Porén, recoñezo que para algúns isto pode parecer insuficiente.

Os conflitos de tendencia agudízanse, e escasean os espazos de confluencia xusto cando máis os precisamos. Os vicios do chamado “ghetto ideolóxico” son moitos e ben coñecidos: elitismo, hermetismo, sectarismo, endogamia, superioridade moral, desconexión coa realidade inmediata, etc. Non é necesario incidir máis nisto. Do que non se ten falado tanto, polo menos de forma razoada, é dos vicios do suposto “anarquismo serio e responsable”. As críticas viñeron do dogma ou da inactividade, non do compromiso e da militancia na rúa. Gran parte do anarquismo reflexivo fíxonos crer que o maduro e práctico é rebaixar a crítica cara a determinadas institucións ocupadas por determinados partidos. Din transversalidade cando en realidade queren falar de branqueamento da imaxe das institucións e aspiran a meter un ou dous pés en algunha delas. Vendéronnos a claudicación como a maioría de idade do anarquismo e negáronse a aceptar que están vencidos e acabados, polo menos como alternativa transformadora. Á súa vez, o seu discurso anti-ghetto, duro, áspero, severo, intolerante, non fai máis que enrrocar ao ghetto nas súas posicións. Cando os escudeiros dos concelleiros moderniños te acusan de promover “inútiles” campañas de abstención, quítanseche tódalas ganas de saír dos cómodos espazos afíns. O discurso anti-ghetto ás veces é tan moralista como o pro-ghetto, e esquece que a militancia é tamén un proceso persoal, e que as compas que comezan a se implicar deben probar distintas alternativas antes de atopar a propia. Todas pasamos pola nosa propia etapa de crentes. Se todo vai ben, será algo pasaxeiro, pero se che forzan a base de censuras e reproches, pódete durar toda a vida. O ghetto é unha deriva improdutiva e que aspira á automarxinalización e á cultura do fracaso. Pero para criticar isto toca facelo dende abaixo, e non dende a confortable posición do que confraterniza nos despachos ou trata de que non se desestabilicen certos concellos.

Entre o reformismo e o ghetto caben varios mundos e tamén unha tese que veña a romper esa dicotomía: o anarquismo de barrio.

O anarquismo de barrio podería ser a proposta que acabe coa falsa disxuntiva entre anarquistas sociais e insurreccionalistas (e de ambos coas autónomas, moitas veces cansadas do peso da etiqueta ácrata). Tal e como o anarquismo sen adxectivos liquidou no seu día o conflito entre comunistas e colectivistas. Desenvolverei o concepto de forma deliberadamente sinxela e sen necesidade de citar referencias.

O anarquismo de barrio non é unha proposta nova; só é unha proposta esquecida. Baséase en recuperar o que unha vez fixo grande ao anarquismo e o converteu nunha arma popular: traballar no concreto e centrarse nas necesidades básicas.

O anarquismo de barrio non é retórico, non lle importa a que tendencia teórica se adscriba quen o practica. O seu terreo non é o da discusión ideolóxica. O anarquismo de barrio xera narrativa e ideas, pero en base á súa actividade. Non é un recurso cuantificable pola teoría abstracta.

O anarquismo de barrio é inminentemente práctico e a súa forza reside na súa capacidade de traballo, na súa facultade de ser resolutivo e eficaz. Busca resultados tanxíbeis que cambien a vida da xente aquí e agora.

O anarquismo de barrio non perde demasiado tempo en loitas organizativas, nin se define polo tipo de estrutura que elixa. Non é un anarquismo identitario e excluínte, senón aberto e ao alcance de calquera. Retrátase pola súa actividade, o seu labor, centrado en vivenda, no laboral, na agricultura de subsistencia, na alfabetización libre, etc. Céntrase no primario porque sen as necesidades vitais cubertas non hai espazo para a filosofía.

O anarquismo de barrio traballa no entorno máis próximo, sen recluírse no local, pero sen ignorar a realidade circundante máis urxente. O seu campo de acción é o espazo barrial común, a loita veciñal e rúa, o inmediato. Non se agocha no seu pequeno reduto de urbe, pero tampouco divaga obsesivamente sobre marcos afastados e macros mentres aínda non é capaz de interactuar coas que o rodean e resolver o achegado.

O anarquismo de barrio non ignora ningunha loita, pero é un anarquismo principalmente para pobres, pensado por e para as marxinadas, excluídas e precarias. O seu principal campo de batalla son as necesidades máis urxentes: o pan, o teito e o abrigo. Non subordina a isto o resto das loitas nin nega a multiplicidade das opresións. Pero é traballando neste campo, traballando coas veciñas, tecendo redes coas persoas máis perseguidas e relegadas da sociedade, como se aborda dende o fondo, dende o asfalto e non dende o laboratorio ou a biblioteca, o tema da migración, o racismo, a natalidade, a opresión de xénero, a soberanía alimentaria ética, etc. Non hai loita máis alá das persoas concretas que deben inicialas, e moitas delas atópanse nos barrios, que é onde as distintas facetas da opresión, a xerarquía e a desigualdade amosan a súa cara máis crúa e menos sofisticada.

O anarquismo de barrio non está pensado para anarquistas que queiran evanxelizar aos pobres. Está pensado para pobres en disposición de xerar anarquía. A liña divisoria entre militantes e receptores de dita militancia debe morrer no anarquismo de barrio. Son veciñas defendendo o barrio, pobres combatendo a pobreza, somos nós resolvendo os nosos propios problemas.

O anarquismo de barrio non necesita idealizar aos pobres. Non explota o mito do “pobre bo”. Non cre que as persoas sen recursos sexamos alleas ás baixas paixóns, aos actos viles e á perpetuación da opresión. Pero sabe que a pesares do efecto milenario do principio de autoridade só as que non temos nada temos á vez algún motivo para mudar as cousas. Sabe tamén que ninguén pode dirixir a nosa loita por nós e que ninguén pode darnos nada que non tomemos por nós mesmas. Calquera sistema que se organice sen a nosa participación está condenado ao fracaso.

O anarquismo de barrio é honesto. Reflexiona en voz alta sobre os propios fracasos, pero sen necesidade de incidir na mitoloxía da derrota. Tampouco é triunfalista, non vende vitorias que son simples treguas. É humilde e realista, e sabe que unha pequena conquista é só a antesala dun novo esforzo.

O anarquismo de barrio non pacta con partidos nin quere saber nada das institucións. Son o inimigo e están aí para ser fiscalizados e combatidos, para arrincarlles canto podamos. Non para lles regalar sorrisos, fotos e titulares. O anarquismo de barrio é feroz na súa independencia. Constrúese dende abaixo e non ten ningún interese nas urnas nin en quen se alimenta de votos.

O anarquismo de barrio é a vía para recuperar a rúa, loitar polo espazo colectivo, reconquistar inmobles e prazas, tomar o común e devolverllo ás veciñas. Baséase na xestión colectiva dos recursos e o territorio, en combater a degradación do barrio, o desprazamento forzoso, a encarecemento da vida, e facelo sen que o protagonismo se afaste nunca das afectadas. Esa vía da rúa pode ser usada por tódalas libertarias: polas “insus”, sen rebaixar o discurso e sen renunciar aos seus presupostos; polas “sociais”, facendo verdadeiramente cousas prácticas con persoas reais máis alá dos libros e artigos sobre inserción social. Pódese expropiar un inmoble cóbado a cóbado cunha familia sen fogar sen deixar de ser radical e sen ter que ser asistencialista. Pódese levantar unha barricada diante dun desafiuzamento, xerar conflitos e disturbios para conseguir a paralización do mesmo, sen ser un irresponsable vangardista e sen dar as costas á acción popular.

O anarquismo de barrio non se basea no que se di senón no que se fai.

Xa advertín que era unha proposta simplista. Moitas dirán que isto xa se fai e outras, directamente, farano sen lle dar ese ou outro nome. Pero creo que facía falta desenvolver un pouco o concepto, dotalo dunha mínima entidade, por pequena, sinxela e humilde que sexa, e quizais comezar a identificar as actividades e proxectos que poden articularse en torno a esta tese, criticable e modificable, pero que podemos asumir tódalas que estamos fartas de guerras de ideas, porque temos necesidade de guerrear na rúa.

O anarquismo barrial e de rúa retoma hoxe formas novas, e sen necesidade de ningunha denominación esténdese por distintas partes do Estado. Quizais a alta política o esmague, quizais as dinámicas de retroalimentación ideolóxica non lle deixen crecer, quizais sexa un fenómeno illado e pasaxeiro, ou quizais sexa un espellismo que só vexo eu desde a miña ultraperiferia canaria. Sexa como for, ante procesos tan asoballantes e crecentes como a xentrificación, a turistificación, os desafiuzamentos, o desemprego, a precarización da clase obreira, a persecución da poboación migrante, a exclusión social, a numerosa pobreza feminina e infantil, a indixencia cronificada, a reclusión carceraria de xeracións enteiras, a modificación drástica do entorno urbano e a destrución dos nosos espazos de socialización, está claro que non nos queda outra que retomar os barrios se queremos resistir á ofensiva e ser capaces de comezar a devolver os golpes. As próximas loitas sociais libraranse nos barrios e, se non queremos ser expulsadas dos mesmos e entregárllelos francos aos especuladores, tócanos cravar os pés no chan e prepararnos para non cederlles nin un palmo de terreo. Se non articulamos un anarquismo de barrio, outros imporannos o seu fascismo de barrio e pasarannos por enriba. A loita por ese pequeno espazo é tamén unha loita pola supervivencia e morrer non debería entrar nos nosos cálculos.