Anarcosindicalismo e movementos sociais

Por Miguel G. Gómez

Aínda que ás veces se ten a sensación de que o anarcosindicalismo non é máis que un sindicato xestionado por anarquistas, en realidade é moito máis que iso.

O anarcosindicalismo leva implícito tanto unha estratexia como un modelo de sociedade en si mesmo. É unha estratexia porque é un método de acumulación de forzas e de organización da clase traballadora a partir da loita laboral. E é un modelo de sociedade, porque o anarcosindicalismo podería substituír ao Estado. E é que o Estado non é máis que unha forma de administrar a sociedade, unha organización social ao servizo da clase dominante. Ademais, a súa propia existencia e desenvolvemento crea unhas relacións sociais concretas. Como sabemos que son posibles outras relacións sociais, tamén nos é posible imaxinar outro tipo de formas de administrar a sociedade que non estean ao servizo desa clase.

Tendo isto claro, polo tanto, a táctica non é outra que facer que os sindicatos anarcosindicalistas sexan o máis grandes posible. Neles, debe ter cabida todo o proletariado, xa que os sindicatos son as súas organizacións naturais. Por iso, o anarcosindicalismo clásico foi quen de crear sindicatos de todo tipo, incluso de persoas supostamente non produtivas para o capitalismo: pensionistas, amas de casa, estudantes, parados, etc. Trátase de ter organizada a toda a clase obreira; encadrada nos sindicatos.

Os sindicatos chegaban a empregar o pao e a cenoura. É dicir, ás veces podían ofrecer algún beneficio e outras coaccionar á xente para que se afiliase. Neste senso, mesmo se fixeron folgas para que os empresarios despediran a certa xente inimiga do sindicato (por exemplo, certos quebrafolgas ou capataces indesexables).

Certamente, o normal era o contrario, que a xente se afiliase por desexar un progreso social e persoal. É dicir, querían unha ferramenta para se gañar mellor a vida, ter maior protección e acceso á cultura. Non esquezamos que sindicalismo revolucionario naceu das bolsas de traballo francesas ou que en moitos lugares tiñan mutualidades, a modo de seguro de accidentes, de maternidade ou de pensións, xa que non existía a Seguridade Social.

Este tipo de conciencia obreira non era exclusivo do anarcosindicalismo, posto que se producía alí onde houbese grandes concentracións proletarias organizadas. Seguindo con este punto de vista clasista, por exemplo, cando se realizaba unha folga, ao seu redor, toda esta sociedade paralela podía controlar o territorio de maneira case inmediata. A comunidade obreira estaba implicada na loita. Favorecíase a consolidación da identidade de clase, necesaria para afrontar novas loitas. Teñamos presente que, en tempos non moi lonxanos, CC OO tiña unha boa rede de proxectos sociais derredor.

Hoxe, estamos na situación oposta. Fóra dos sindicatos libertarios hai de todo. Estes unicamente se están adicando á loita laboral e pouco máis. Os movementos sociais, entre os que está o movemento veciñal, asumiron a tarefa que antes se facía dende os grandes sindicatos. Neste aspecto, dende o tropezo dos anos 80, perdeuse a posibilidade de converter o anarcosindicalismo nun referente para a sociedade, máis alá do eido do traballo. Pódese ver nos carteis que apoian este 1 de maio, un pouco da galaxia de colectivos do máis diverso.

Isto non quere dicir que o anarcosindicalismo non estivese ou estea presente nas loitas sociais. En non poucos lugares son un foco de organización do movemento de pensionistas. Noutros, están na loita da sanidade ou da educación. Noutros, axudan a promover o feminismo. Noutros, é a loita medioambiental e participan das plataformas de defensa da terra. Adoitan contar con grupos excursionistas e até deportivos. E que dicir da cultura ou da memoria histórica?

Mais non se trata diso. Ao que me refiro é que o anarcosindicalismo ten que ser un motor da sociedade en tódolos sentidos, non un simple colectivo máis entre os 15 que xa pode haber nun barrio. Debe existir un sentimento de unidade e unha ambición, aínda que sexa a longo prazo, de que acabemos na mesma organización.

Para que isto suceda, quedará percorrer durante anos a acción social propia, dende o sindicato, sen agardar liderala de ningún xeito. Por exemplo, non sería unha tolemia que o movemento da vivenda se dese dentro da estrutura anarcosindicalista. As secretarías de acción social deben ter unha función estratéxica de proxectar o sindicato na sociedade. Poderiamos imaxinar nós un sindicato co seu economato/cooperativa, cunha escola de repaso, cunhas comisións de vivenda, de pensións, de estudantes, de sanidade e de barrios? E, neste último aspecto, tamén se debe desenvolver a idea dos sindicatos de barrio, entendidos non só como simples asesorías laborais, senón como medio de socialización coa veciñanza, participando das súas loitas.

A nivel un pouco máis institucional, o sindicato pode participar nas Mesas do Transporte, da Xente Maior, da Vivenda, de Migracións, etc. En todo o que poida. E non para lle facer a chaqueta ao Concello de turno, senón todo o contrario, para se converter nun poder necesario, lexítimo e visible. E, de paso, que certa parte da militancia se vaia afacendo a entender como funcionan os aspectos técnicos da nosa sociedade (con vistas á revolución, claro está).

Quizáis hai que comezar a desembarazarse do complexo de inferioridade segundo o cal, como non temos ningunha posibilidade revolucionaria, non hai que relacionarse en absoluto coas administracións públicas. Aínda lembro ler no xornal cenetista dos anos 70 como alguén propuña que os sindicatos (e entre eles a CNT) deberían xestionar a Seguridade Social.

Outros aspectos que poderían arrodear ao sindicato serían as bolsas de traballo e as cooperativas de traballo. Respecto ao primeiro caso, dada a situación de crise estrutural que vivimos, entraría dentro do posible que algunhas persoas se adicasen a ter información e fixesen orientación laboral para a afiliación que non dispón de emprego ou que pensa marchar a outra parte. En especial, isto sería importante para manter a certa militancia clave que non queres que abandone o sindicato porque atopou traballo noutra cidade. Mesmo, tal e como fai o sindicalismo estadounidense, serviría para dar entrada a militantes nun sector que ou empresa que lle interesa ao sindicato. Outra labor interesante sería ofrecer unha asesoría de estranxeiría, para combater a terrible discriminación que sofre a quinta ou sexta parte da nosa sociedade.

Respecto ás cooperativas, aínda que son actividades económicas independentes, está claro que poden estar ao redor dun sindicato. Noutros tempos, era moi habitual que acollesen a sindicalistas que sufriran accidentes laborais, que estaban incapacitados para traballar noutros empregos na empresa privada capitalista ou que acollesen aos sindicalistas que estaban nas listas negras da patronal.

Estamos nun momento no que certos movementos sociais nalgúns territorios están a construír unha ideoloxía baseada nas chamadas estruturas populares. Segundo o lugar, faise dende unha perspectiva autónoma ou comunista. Podemos ver que están creando un movemento en condición, e cheo de cousas que ofrecer, a partir de unir cousas que xa existían por separado e que agora, debido ao volume de xente que reúnen, se poden permitir proxectos novos. E agora pensemos no que nos costa atraer militantes que non están insertos na loita laboral. Polo tanto, débese socializar o noso proxecto, atraendo xentes doutros movementos e abrindo novas frontes nos sindicatos, sen lle restar forzas á actividade prioritaria, que é facer do sindicalismo unha ferramenta de liberación social.

Como vemos, a acción social dos anarcosindicatos ten moito percorrido. Por último, lembremos os tres elementos clave do anarcosindicalismo: sindicato, municipio e cooperativa. É dicir, que a acción social serve para enforcarse nos dous últimos aspectos, a construción do municipio libre e do cooperativismo social, que tamén se debe facer dende os nosos sindicatos. A fin de contas, o anarcosindicalismo é a construción do socialismo dende abaixo, que pode levar a cabo calquera no seu barrio, sen depender de grandes teorías de intelectuais.

Existen acordos nos congresos da CNT (descoñezo o resto de sindicatos) para pór todo isto en marcha e, se non se fixo ata o de agora, ou se fixo con moi pouca forza ou sen continuidade, é precisamente pola falta de volume de militancia. Agora mesmo a prioridade é construír o Sindicato. Isto non quere dicir que a xente non queira “facer nada”. Precisamente, agora fai “de todo” fóra dos sindicatos porque, quizais, non se resolveu o como integrala, e porque hai outros movementos que xa cumpren esa función.